www.galiciasuroeste.info/tui.htm
Informativo TUI (Beti Rey)
O alcalde de Tui compromete solucionar os problemas para o remate do Campo de Fútbol de Caldelas, e a oposición cualifica de demoledores os informes desfavorables de secretaría e intervención
Dúas horas durou o pleno extraordinario que o venres celebrou a corporación municipal de Tui solicitado polos grupos da oposición. Foi unha sesión ruidosa na primeira parte xa que no exterior da Casa do Concello se concentraron afectados polas participacións preferentes que se facía oír incluso dentro do salón de sesións.
No primeiro punto, no que se debateu o estado das obras no campo de fútbol de Caldelas Carlos Vázquez Padín de CXXI manifestaba que no seu parecer aquí “hai un caso claro de malversación de fondos públicos” en referencia aos cartos investidos neste equipamento do Plan E, así como na zona Deportiva da Macoca, indicando que este último o puxeron en coñecemento da Fiscalía. Felicitou á secretaria municipal e ao interventor polos seus informes sobre estas obras, que cualificou de demoledores. Remataba indicando que agora hai que darlle unha solución ao campo de inmediato.
Laureano Alonso do BNG insistiu tamén en que hai que rematar as obras dunha vez, logo de que dende 2009 se dea “unha sucesión de promesas incumpridas”, polo que o campo leva tres anos sen poder utilizarse. Referiuse tamén o voceiro nacionalista ao informe de secretaría sobre a solicitude dun empréstito á caixa de anticipos da Deputación para esta obra, no que se sinala que “se detectan irregularidades porque a planificación é inexistente” engadindo que “hai un claro uso fraudulento de fondos públicos”, advertíndose amais das irregularidades detectadas. De continuar coa contratación no parecer do BNG “estase incumprindo o principio de libre concorrencia que deben presidir toda contratación pública”. Tamén aludiu ao informe desfavorable do interventor que sinala entre as irregularidades que “hai un fraccionamento do gasto en catro anos” así como que “pode haber duplicidade no gasto”
Dende o Partido Socialista o seu voceiro Enrique Cabaleiro comezou sinalando que as obras do Plan E executadas en Tui, cando menos as que eles revisaron, contan con reparos de intervención ou secretaría. No caso do Campo de fútbol de Caldelas dicía que os informes de secretaria e intervención son “demoledores” e foi o que motivou a solicitude deste pleno extraordinario. Solicitaba do alcalde que asumise as súas responsabilidades políticas no tema, e de non ser así advertía que “as pediremos por outra vía”. Denunciaba amais Enrique Cabaleiro que no seu parecer existen “serias discriminación entre as actuacións nunhas parroquias e noutras”. En relación a unha información publicada na web do Concello onde se acusa á oposición de facer demagoxia neste tema, o voceiro socialista explicou que “fomos especialmente prudentes” porque os prexudicados ían ser os veciños.
Miguel Capón, voceiro de Acción Tudense, aludiu a tres problemas que hai en Caldelas: o campo de fútbol, o abastecemento de auga e o cemiterio. E dirixíndose ao equipo de goberno manifestaba que “están maltratando á parroquia de Caldelas”. Denunciaba tamén que o departamento de urbanismo do Concello é “un auténtico desastre”. Tamén mencionou as obras na zona deportiva da Macoca afirmando a responsabilidade do mantemento nas mesmas é do Concello.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalou que ningún dos grupos mencionou as solucións para rematar o campo de fútbol de Caldelas, sendo isto o que queren os veciños, ver as obras rematadas. Engadía que el falou cos veciños, cos xogadores e coa directiva do Caldelas, explicando que “teñen a obriga de rematar o campo” porque xa se pode facer de herba natural, senón que tras os traballos feitos ten ser de herba artificial. Avanzou que asinara coa caixa de anticipos da Deputación o convenio para acometer estas obras, que apuntaba serán adxudicadas polo organismo provincial. Afirmaba que “o Concello vai rematar o campo de fútbol”.
Tui non se vai adherir á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
Tui non se vai adherir á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Esta proposta foi rexeitada por 9 votos do PP, votaron a favor 6 edís de AT, PSOE e BNG, e abstívose CXX, no pleno extraordinario celebrado o venres en Tui. Neste segundo punto da sesión propúñase a adhesión de Tui a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, APLU. Neste punto Carlos Vázquez de CXX cualificou a APLU de “chiringuito” e considerou que non sería necesaria se o sistema xudicial funcionase correctamente. Concluíu tamén que suporía un sobrecuste máis para o contribuínte. Indicaba que “hai que esixirlle ao departamento de urbanismo que exerza a súa función”. Laureano Alonso do BNG lembrou que o seu grupo xa presentara unha moción neste senso no pleno de marzo. Explicou que a presentación desta moción obedece a que consideran que “a día de hoxe o departamento de urbanismo é un auténtico desastre” engadindo que “aos veciños hai que darlle unha solución aos problemas que teñen no eido do urbanismo local.
José Luís Maciñeiras do PSOE amosou a conformidade do seu grupo coa adhesión á APLU porque dicía que “cremos que nun concello como este no que a ilegalidade urbanística ten sido noticia nos últimos anos é necesario que cambiemos radicalmente esta imaxe”. Engadía que “é necesario que se borre calquera tipo de sospeita de irregularidade, tamén polo ben deste goberno”.
Miguel Capón de Acción Tudense espuxo que con esta adhesión “non estamos falando de ceder competencias de concesión de licenzas senón de revisión”. Engadía que “non se perde autonomía local senón que se gaña sobre todo en materia de sancións”
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalou por unha banda que falaron coa APLU e teñen un borrador de convenio que supón un custe inicial de 100€ por núcleo – en Tui hai 123 – e logo o 50% de cada sanción sería para a Axencia. Engadía o rexedor que “para nada o Concello de Tui está en contra da legalidade urbanística, senón todo o contrario, somos defensores da legalidade urbanística e da autonomía local”. Por outra parte recoñecía que hai moito que mellorar en urbanismo, e indicaba que “moitos do problemas urbanísticos que houbo en Tui foron por motivos políticos”.
No terceiro punto solicitábase a restitución do Paseo da Corredoira ao estado anterior as obras acometidas en 2004 dando así cumprimento á sentenza definitiva nese senso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O punto non foi votado porque segundo explicou o alcalde “non me podo instar a min mesmo” e indicaba que tomaba a solicitude da oposición como un rogo. Os grupos da oposición coincidiron en criticar as obras acometidas que “se cargaron as árbores que daban sombra” así como o modelo de banco instalado e as xardineiras. Dende CXXI Carlos Vázquez Padín apuntaba que “o político infractor debería sufragar parte dos gastos xerados”. Laureano Alonso indicaba que “so instamos a que se cumpra a lei” sinalando que “non hai prescrición”. Enrique Cabaleiro do PSOE sinalou que “é constante o goteo de irregularidades do departamento de urbanismo” e engadía que “a mesma dinámica seguimos vendo no casco histórico” onde dicía se realizan obras e abren locais sen licenza. Miguel Capón de AT afirmaba que “conservar o patrimonio non é un tema do gusto do político de turno, é conservar o que fixeron os noso antecesores”.